Megalitismo

Galiza, o norte de Portugal até o río Douro, Asturias e o occidente das provincias de León e Zamora formaban parte dunha mesma zona megalítica, con arquitecturas, enxovais, unha organización social e un sistema de crenzas que hoxe estimamos relativamente homoxéneos. O megalitismo atlántico peninsular caracterízase pola abundancia de sitios arqueolóxicos, máis de cinco mil só en Galiza, e revela a existencia dunha poboación numerosa e moi espallada. O fenómeno tumulario galego dátase entre o VI milenio antes de Cristo e o 2000 a. C.
O megalitismo corresponde ás primeiras sociedades campesiñas, que habitaban un territorio dominado polo bosque caducifolio (carballos, piñeiros e bidueiros). O período climático é o que se coñece coma período atlántico e parte do subboreal, isto é, un clima cálido cunha temperatura media superior á actual, mais bastante chuvioso. Abundaban tamén os prados. Detéctase unha menor porcentaxe de arboredo no contorno dos sitios arqueolóxicos, probabelmente debido á deforestación co obxecto de aproveitar a leña.

Dolmens: Os dolmens simples son os máis antigos. Durante o período de maior desenvolvemento da cultura megalítica apareceron os dolmens de corredor, nos que estes corredores, de tamaño pequeno, se unen á cámara e se van ampliando cara ao exterior. Parece que os corredores tiveron importancia ritual, xa que neles teñen aparecido elementos simbólicos, coma estelas.



Túmulos: As antas estaban parcial ou totalmente cubertas de terra, formando unha mámoa. Coñécense tamén coma medorras ou medoñas. As mámoas teñen planta circular ou ovalada, vense na paisaxe coma montes de terra suaves parecidos a mamas (de onde collen o nome) e son, polo xeral, visíbeis a longa distancia. A función destes túmulos é a de enterramento colectivo, xa que os mortos ían acompañados dun enxoval consistente en alimentos, armas, útiles, adornos e ídolos. Non se ten conservado ningún esqueleto debido á acidez do solo.














Cistas: No último período do megalitismo os enterramentos fanse máis pequenos e consisten en túmulos secundarios en masas tumularias, túmulos sen cámara diferenciada e cistas sen túmulo.



Menhires: Os menhires parece que non están relacionadas cos ritos funerarios. Existen poucos se se compara con outras áreas coma Gran Bretaña ou Bretaña. O máis coñecido é a Lapa de Gargantánd(Moraña), que mide 2,35 m de altura. Presenta unha escotadura, coma a dos ídolos dos dolmens con corredor, algunhas gravuras e decoración de cazoletas en todas as súas caras. O menhir de Cristal (Ribeira) mide 2,50 m, ten nove cazoletas nunha das caras e unha noutra. Coñécense outros menhires (tamén denominados pedrafitas), coma o de Pedra Chantada (Vilalba), o da Pedra Alta de Cortegada e outros dous en Guntín.